INSTITUCIÓN BENÉFICO SOCIAL PADRE RUBINOS
Fundación Amancio Ortega
A Coruña
A Institución Benéfico Social Padre Rubinos nace en A Coruña hai case un século con vocación de dar acubillo e asilo aos necesitados. Posteriormente foi crecendo e ampliando o seu ámbito de actuación a Escola Infantil e Residencia de Maiores.
Presentamos agora a súa nova sede que nace dunha forma silenciosa de entender a arquitectura. A edificación concíbese coma unha cobertura para a vida que transcorre nela, un espazo sereno, íntegro e con vontade de permanencia.
O uso da liña horizontal xorde como consecuencia desa procura da calma e a relaxación configurando unha sucesión de espazos mesurables e ordenados.
Trátase dun espazo arquitectónico que xira entorno ao individuo renunciando á composición académica de fachada e ofrecendo un pórtico de entrada que rodea e define unha praza aberta á cidade. Retomamos o concepto de claustro en sintonía co carácter relixioso e o labor social da Institución.
A idea de patio repítese de todo o complexo como elemento articulador dos diferentes espazos procurando potenciar a diafanidade, a luz e a continuidade visual entre o interior e o exterior.